

Traducción al gallego:
amarellesbravos.blogspot.com
SPLEEN
Cun garfo é doado amar a delgada area,
escibirnos coa súa páxina no suco dos anos.
Saímos do mar como dunha virxe preñada
e a saudade delátanos, vístenos co traxe
folgado das ausencias, a súa sombra coróanos.
No serán andaremos á procura de carne de corsario,
soñando nas cunchas, haberá medusas durmidas
e veos de noiva morta axexando a túa melancolía,
peixes rápidos con rúbricas de chafarote, sales doces.
Pero vén, falemos do tempo perdido das buguinas
do sol morrendo e o seu marmelo na rede das arañas.
Aforra o silencio que nos sobre na bolsa dun beixo,
e mira, mira ao lonxe a iguana da vellez agardando
o seu reinado nos cons dos naufraxios.
A SOIDADE É UNHA DOENZA DA PEL
De noite asubían os imáns da destrución.
O mesmo vento que hoxe nos arrinca de raíz
cósenos con dobre fío ao vento do mañán.
Somos manchas minúsculas baixo o borrón da noite.
A cidade onde camiñamos é un zapato que nos fai bochas.
Un aire sen céo delátanos, vístenos para a desaparición.
Perdidos para sempre os planos do home
un a un vanse pechando todos os poros.
Facémonos impermeables na soidade:
dentro da pel non viaxa ninguén;
fóra da pel ninguén nos ve pasar.